26/9/12

Amundsen - Scott: duelo en la Antártida

A finais do século XIX os únicos lugares terrestres aos que o ser humano non chegara eran os polos norte e sur. Respeto ao polo sur, era coñecida a existencia de terra (a Antártida) desde, alomenos, comezos do mesmo século XIX cando cazadores de baleas chegaban ás súas costas. Diversas expedicións viaxaron á Antártida co propósito de adentrarse no continente e, a ser posible, chegar ao polo. Antes das expedicións de Amundsen e Scott, a que chegou máis lonxe foi a dirixida polo irlandés Ernest Shackleton, que quedou a so uns 180 km do polo en xaneiro de 1909.

As expedicións polares fixeron unha gran aportación á ciencia en diversos campos, especialmente en meteoroloxía e climatoloxía, oceanografía (coñecemento de correntes mariñas), zooloxía e embrioloxía (descobrimento de novas especies, estudio de embrións de pingüino que aclararon certos aspectos da evolución), magnetismo terrestre (confirmación de que os polos magnéticos varían co tempo) e en xeoloxía (fósiles recollidos polo grupo de Scott axudaron a confirmar que en tempo remoto a Antártida estivo unida a Australia, apoiando a teoría da deriva continental e a tectónica de placas), e outras.

Robert Falcon Scott era un capitán da mariña de guerra británica que xa tiña experiencia como explorador: en decembro de 1902 chegou aos 88º17' cun grupo no que tamén estaba Shackleton.
Roald Amundsen, noruegués, participara entre 1897 e 1899 nunha expedición que foi a primeira en cruzar o círculo polar antártico. Tamén tratou de chegar ao polo Norte, descubrindo en 1903 o chamado paso do noroeste entre os océanos Atlántico e Pacífico.
Este libro de Javier Cacho Gómez, físico e divulgador científico español, relata a competición que se estableceu entre 1910 e 1912 entre ambos os dous exploradores por seren os primeiros en chegar aos 90º de latitude sur (o polo). Chegar ao polo naquela época supuxo unha loita contra as condicións naturais para a que non estaban moi preparados, por eso o feito de chegar é unha verdadeira fazaña. Se a eso engadimos a necesidade de chegar primeiro que o outro, convírtese nun labor titánico propio de seres humanos excepcionais.
Javier Cacho axúdanos a coñecer as distintas personalidades de Amundsen e Scott, sus virtudes e defectos, a entender as extraordinarias dificultades e sufrimentos que tiveron que enfrontar e a trascendencia que estas expedicións tiveron na sociedade da época e posterior. E todo cunha forma de relatar que convirte o libro no máis apaixoante relato de aventuras.

20/9/12

Marte rojo

A mediados do século XXI, a humanidade está en condicións de enfrontar a colonización do planeta Marte. Para esto envía unha expedición con cen homes e mulleres a bordo dunha nave. Estes primeiros cen son persoas de carácter emprendedor, auténticos pioneiros, e de gran capacidade científica ou tecnolóxica. En canto chegan a Marte, abordan a tarefa de construir hábitats adecuados para os humanos e investigar e explorar o planeta. Pronto aparecen diferenzas entre dúas posicións. Aqueles que desexan respetar as condicións do planeta e adaptárense eles a Marte (os vermellos, pola cor dominante en Marte), e os que prefiren cambiar o planeta para mellorar as condicións de habitabilidade do mesmo nun proceso que se denomina terraformación (os verdes, pola cor da vexetación terrestre). As tensións e disputas son inevitables.

Para complicar máis as cousas, na Terra sófrese un grave problema de sobrepoblación. Para alivialo en parte, comezan a enviar expedicións masivas de novos colonos. A población marciana pasa do millón de persoas en poucos anos. Por outra banda, Marte posúe extraordinarias riquezas minerais. Esto desperta a codicia das grandes corporacións multinacionais. Os estados terrestres tratan de manter a súa influencia política e económica sobre Marte e as súas xentes. A traxedia está servida.

Esta novela do escritor estadounidense Kim Stanley Robinson, publicada en 1992 e gañadora do premio Nébula, pon de manifesto o xenio da humanidade para desenvolverse e sobrevivir en entornos hostís, para adaptarse ou modificar o medio. Tamén, que se en algo a humanidade é aínda máis poderosa, é na súa capacidade de autodestrucción.

Desde o punto de vista científico destaca a precisión da descrición da xeografía e a xeoloxía de Marte (cumpriría dicir areografía e areoloxía, de Ares, Marte). Parece que Robinson estivo alí polos detalles que da. As estratexias de terraformación subindo as temperaturas e a presión da atmosfera, os intentos de creación de organismos que poidesen sobrevivir nas condicións marcianas, a arquitectura e enxeñería dos asentamentos, todo  parece verosímil e, certamente, inxenioso.

Esta novela é a primeira dunha triloxía completada por Marte verde e Marte azul. Considéranse ciencia ficción dura, pero ademáis, teñen unha gran compoñente de socioloxía e ecoloxía.

Disponible na biblioteca do IES de Teis.

4/9/12

Quarks, chiflados y el cosmos

Obra de divulgación científica publicada en 1994 e escrita por Jeremy Bernstein, físico e divulgador norteamericano nado en 1929. Actualmente é profesor emérito no  Stevens Institute of Technology de New Jersey e forma parte da dirección da revista The New Yorker, na que publica artigos de divulgación.

Bernstein escribe o que el chama perfís biográficos, que son os aspectos relevantes desde o punto de vista da ciencia da biografía dos científicos, incluíndo o contexto social e a situación da ciencia na época. Non se precisa unha especial formación científica para disfrutar con estes perfís, sempre moi amenos.

Neste libro desenvolve trece miniperfís sobre aspectos concretos da vida ou a obra de certos personaxes. No primeiro, adicado a Einstein, pregúntase como os científicos da época poderían detectar se os famosos artigos de 1905 eran a obra dun xenio descoñecido ata entón (como agora sabemos) ou os delirios dun charlatán. As chaves que Bernstein propón son aplicables sempre, en particular, agora con certos asuntos científicos de repercusión popular e rodeados de polémica.

Todos os capítulos son de gran interese, pero moi especialmente os que adica ao papel da muller na ciencia, ao racismo e ao uso e abuso do CI (cociente de intelixencia).

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...